quarta-feira, 22 de maio de 2013

III FOLIADA DE ORBAZAI: De que falamos cando cantamos?


Achégase o primeiro de Xuño e Orbazai -e xa case podemos dicir que a cidade de Lugo e parte da provincia tamén-, andan contando os días para que a data chegue, porque xa está aí...velaí vén...a III FOLIADA DE ORBAZAI!!

Énchenos de alegría o feito de que a meirande parte dos catorce grupos que forman o cartel deste ano xa nos acompañaran en anteriores edicións, o que por outra banda é indicativo do bo sabor de boca co que ficaron. Non vos parece? Queremos, por iso, aproveitar para animarvos a todas as que aínda nunca estivestes  na foliada (feminino xenérico!), a que veñades a divertirvos con nós. Podedes estar seguras de que música e baile non vos han de faltar!

Habemos de bailar, tocar e cantar arreo.
Mais, de que falamos cando cantamos? Reparamos no que dicimos?
Imos debullar aos poucos o asunto...

·                     Falamos de amores...
Namoreime dunha rosa
namorei dun caravel,
namoreime dunha rosa
porque ti cantabas ben.

****
Prende salgueiriño prende
beira da fonte pequena,
tamén meus ollos prenderon
do corazón dunha nena.

·                     ...amores que son ou dos que se devece que sexan...

Manuel, Manueliño,
Manuel feito de cera.
Quen me dera selo lume
que a Manuel derretera.
****
Por ese que entrou no baile
por ese que entrou agora,
por ese que entrou no baile
tocarei a noite toda.

·                     ...a miúdo intimamos máis no asunto dicindo sen dicir...

Esta noite maila outra
e maila outra pasada,
abalei unha pereira
que nunca foi abalada.
****
Nena se queres arar(e)
prestareiche o meu arado,
leva bois e leva carro
vai moi ben aparillado.

·                     ...tamén hai lugar para o desamor...

O anillo que me deches
era de vidro e quebrou(he)
malos camiños ti leves
como o anillo levou(he).
****
Olvidáchesme por pobre
i eu por rico te deixei,
vale máis pobre con honra
cá rico de mala lei.

·                     ...E ensinamos as unllas cando rabeamos...

Non canto porque ben cante
nen por ser a cantadora,
canto por dar que falare
á xente marmuradora.
****
Indo por aquí abaixo
camiño de Sta. Marta,
buscando quen diga ben(he)
que quen diga mal non falta.

·                     ... Loubámonos: a nós mesmos e aos que participan da foliada...

Estas miñas mans de prata
heinas de mandar dourare,
saben tocalo pandeiro
tamén saben traballare.
****
Unha volta polo medio
e outra polo arredore,
así fai o que ben baila
así fai o bailadore.


·                     ...Cantamos aludindo aos labores do campo que ían sempre acompañados de música para facelos máis lixeiros...


Esta noite hai unha fía
e mañá unha espadela,
bóteme o caldo mi madre
que eu tamén quero ir a ela
****
En Santaia hai tascóns
en Paradas espadelas,
na Pontraghra hai boas nenas
en Fosado hai gana delas.

Cando cantamos, estamos pois, aludindo á historia das persoas e como colectividade, á historia do pobo. Por iso é un bo exercicio de memoria pararnos a pensar de qué falamos cando cantamos, para recordar ou aprender e en consecuencia, mudar e/ou obrar.
Ir de foliada para escoitar e cantar coplas novas é altamente recomendábel...
Así que, non perdas a seguinte oportunidade: Orbazai, día 1 de Xuño! 
E como era aquela que dicía:
O que non canta nen baila
que vén facer á ruada,
aprender catro mentiras
pra contar pola semana.

Cantemos e bailemos pois!!

sábado, 18 de maio de 2013

EN MAN COMÚN*



 1 de Xuño de 2013: III Foliada de Orbazai. Organiza a Asociación Cultural Airiños de Orbazai e colaboran  todos eses logos que vemos pé do cartel. A Comunidade de Montes de Orbazai merece, se cadra, unha mención especial por ser o primeiro apoio que tivemos nos nosos comezos cando solicitamos facer de aquela ilusión nacente, un proxecto sólido.
Para eles estas verbas porque, dalgún xeito, todos somos Xanares, todos somos carballeira, sufixo colectivo a terminación -eira que nos fai, en man común -tocando, cantando-, comunidade. 


Á    Comunidade de Montes
 de Orbazai

Xanares, reloce en ti
o verde leira que tes
detrás do balado,
inauguración de savia nova.

Os carballos que en ti
ficaron
serán coas súas ramas
ouvidos
pra música que ha de soar
na honra a todos
os que un día
recolleron a folla da túa carballeira.

Somos pobo,
temos memoria
e queremos futuro
no (ar)riscado da nosa man.

*Publicado orixinariamente en Outubro do 2012.


quinta-feira, 31 de maio de 2012

II FOLIADA - 2 XUÑO




Azpeitia poñerá a voz
que o resto entoaremos,
o roncón das gaitas
será o vento que zoe
e retumbe no golpe
de bombo que marca.
De Orbazai barrio
empastará Tomás
coas cordas de Alejandro.
Na combinación
infinita de incansábel
e insaciábel obradoiro
completo dará unha 
e mil voltas e
tocará Reviralvolta.
Coma se fose naquel
escenario de magosto
coa Quenlla,
voltarán a estar xuntos 
Caivanca mais Arrincadeira
nesta outra feira. 
Caivanca, dos seus chalecos,
con suma elegancia.
Arrincadeira,cos seus
gaiteiros firmes en restra
mais ben dispostos pra festa.
Co solsticio
de Penas de Rodas
entre lusco-fusco
con esas mulleres que 
levando a batuta
fan pensar nun mundo 
posíbel de equinocio
foliará. 
E con aquel dito de 
que a sorte da fea
a bonita a desexa
sen vestido de postín 
encarnizan a sorte 
da parranda da montaña,
a auga sagrada, de Fonsagrada.
Dende a torre de San Paio
do concello de Friol,
as Xestas Verdes que asoman
dende as vistas da torre
virán a esta outra de nome
friccionar eiquí con nós.
E tamén dedillando no trasto
da corda dun instrumento, 
amosarán os seus sentimentos.
Como a música é 
interpretación e esta
non é arte senón , o teatro
cantado de Nasdrovia
correrá tambén o seu cargo.
E que dicir de nós,
aireados, por moreas,
dos da casa da malla
onde se fai a festa,
sómosvos do que non hai.

 







terça-feira, 29 de maio de 2012

AIRIÑOS, AIRIÑOS, AIRES...


E pusilánime, paseniño pasou o pasado verán e con el a marea de camisolas azuis que desfilaba ridente naquela primeira foliada. A ilusión fixéranos sair exitosos e contaxiar o que desprendiamos. E chegou o inverno nas paredes de pedra con voces que resoaron e se fixeron eco. E así cantamos e tocamos, aumentou a tropa, mudou a cor e que sei eu cantas cousas máis que algunha sen estar sentiu a través vosa.

Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, levaime a ela.

Rosalía de Castro sabía do sentimento que encarnaba cando reclamaba para si os aires da súa terra. Os Airiños de Orbazai ao mellor sen sabelo fan gala da verba coa que Rosalía mollou a súa pluma no papel...Mais isas son outras historias!

Caeron follas das árbores, a carballeira perdeu o seu sufixo -EIRA coa noción colectiva que iso implicaba e agora temos o esbozo do que foi (carballos, mais xa non carball-eira), algunha que outra sombra estratexicamente situada e un balado pétreo aínda en proceso que xa da e dará conta de que no recinto houbo algo con entidade: Ei, carballeira!

A así, caros amigos, chegou de novo a primavera, os cantos de taberna ecoaron nas rúas da nosa troula eterna a pesares da choiva, treboada que acendeu sen saber até cando ía durar...Mais nada diso importa máis alá das cadeiras dispostas en círculo, aquí todos deberiamos saber o  leitmotiv que debemos encarnar: FOLIADA!

E xa en nada, o próximo día 2 de Xuño, ha de estar a festa aderezada, sexa alborada ou muiñeira...

E aí, quérovos ver, quérovos ver, no torreiro da festa, na verbena tamén!








quarta-feira, 1 de junho de 2011

Camiño de Orbazai

04 de Xuño de 2011, o próximo sábado, xa está aí!

Supoño que estamos todos ao tanto de como chegar a Orbazai, mais por se houber algún despistado de última hora (eu ben podería ser unha se non me cadrara na casa, para que negalo), chegar á FOLIADA DE ORBAZAI é ben sinxelo:

Se pasamos a Fonte dos Ranchos e a Avenida das Américas atravesando a ponte Nova sobre o río Miño, xusto ao rematala, viramos á esquerda (e aí está o Monte Segade, un dos pulmóns de Lugo, todo é ben dicilo) e xa hai un indicador cara Orbazai.
Baixamos a costa  e no cruce do fondo á esquerda, pasamos a pontella verde do río Mera e outra vez á esquerda todo recto ata chegar á praza da igrexa, ao local social e á Carballeira Xanares...ao epicentro da parroquia vaia!

Se vimos pola estrada de Santiago, o contrario, meterse na explanada onde están á venda as cereixas do Bierzo e baixar por ese camiño. No fondo, á esquerda e xa despois seguir as indicacións de arriba que é todo o mesmo.


Non hai perda...así que tampouco excusa!
Vémonos na Foliada!

Ei carballeira!

Nas calendas do mes de Xuño e coa carballeira xa a punto, limpa de ramallos e maleza...
En esas andivemos estes días de atrás...

E casualidades da vida ou non, xusto estes días tiven o gusto de estar con xente da asociación cultural-ecolóxica Ridimoas da comarca do Ribeiro, en Ourense, descubrindo cousiñas interesantes como a da creación dun bosque a partires de parcelas particulares e outras tantas cousas que fan igual de singulares!

E é así como re-coñezo (no sentido máis etimolóxico da palabra, voltar a coñecer) a nova visión da Carballeira Xanares (con maiúsculas porque a partires do sábado xa non será unha carballeira calquera de Orbazai): como cambia a nosa perspectiva en pouco tempo! Onte era unha finca sen nome e con silvas...

Ei carballeira! Agora é cando este berro de guerra cobra todo o sentido do mundo...

E tamén exposicións como a que visitei non vai moito na igrexa de S. Domingos de Bonaval, en Compostela e aínda vai menos en Oseira: Bosque 3050 -de Xurxo Oro-, a visión dun bosque con árbores de aceiro sobre unha base de pedras no chan e coas columnas do mosteiro como atrezzo. Todo moi pétreo e falto de vida calcudalamente para que poñamos en valor o noso medio natural, para que reflexionemos e nos conmovamos!

Os de Orbazai neste senso podemos estar ledos...a ver cantas carballeiras presumen de que se lles faga unha foliada! E de levar os seus aires como nome de grupo!

Agora só nos queda desfrutar dela!

quinta-feira, 5 de maio de 2011

Tempos de inauguracións

Orbazai (Lugo), primeiros de Maio de 2011.
Velaí vén o maio de flores cubertas...

Aproveitando que o mes de maio é unha explosión de colorido, vida e natureza en estado puro, no que un simple prado pode facer as delicias dun paseante polo seu verde intenso, tamén en Orbazai queremos aproveitar ese apoteósico florecemento da primavera para inaugurar este blog!

Porque tamén nós florecemos...

E aínda máis: ao igual que a explosión de vida deste mes é un cúmulo de cousas -as flores, o canto do cuco e a paisaxe en xeral- que ten a súa última expresión nos maios, tamén a nosa música tradicional (encabezada polo verde-esperanza de Airiños de Orbazai) relocirá na Foliada que andamos argallando na nosa parroquia para o próximo 4 de XUÑO cos grupos: Trío Lugués, Reviralvolta, Pena do Golpe, Arrincadeira, Caivanca, Penas de Rodas e Airiños de Orbazai.

Así que, á vista dos vindeiros acontecementos, mellor cá cos versos de Curros, eu quedaría con aqueles dunha cantiga popular que rezaban: “velaí vén o maio cargado de flores; detrás ven San Xoán que as trae mellores”.


Agardamos pois ansiosos os primeiros días do mes de S. Xoán e acolléndonos a aquelo de que "a flor sempre se terá como insignia de vida, porque no ciclo será froito e novamente semente", matizamos nesta nosa paleta de cores o verde de Airiños, como cor da esperanza e da ilusión...porque, a pesares de que sabemos que non se debe, a veces comezamos a casa polo tellado.
Alomenos teremos onde resgardarnos, e xa con isto....que chova!
E...Ei Carballeira! Mais disto falaremos noutro momento.